Taller de interpretación para TV con Carlos Sedes

Etiquetas:

Os cursos de interpretación audiovisual estaban definidos de cote como de “interpretación diante da cámara”. Esa “cámara” en realidade era cámara de cine. Hoxe en día a cousa cambiou claramente, a cámara que máis ficción grava é a de televisión e outros formatos como as series web. Este curso está destinado a familiarizarse co que supón traballar para esa cámara dende o punto de vista de quen interpreta.

A construción da personaxe non varía, segue a ser un proceso artesanal e íntimo. Cambia cando se está diante da cámara, mellor dito, das cámaras, pois en televisión son dúas ou tres cámaras.

Os cambios veñen en canto se entra no set, todo é máis reducido. Os tempos de pase de texto, de poñer a secuencia en planta, e de gravación. Isto require coñecer todos os estímulos que van intervir no traballo de actor, comúns a toda gravación audiovisual, si, pero con características propias: O son, a luz, os desaforamentos, a distinta relación do director de cine e o director de televisión co intérprete. Todo iso cambia e moito.

Así que este curso pretende ser un curso de interpretación para os tempos actuais e futuros. A interpretación para cámara cambiou de xeito radical co pasado. Pero non sabemos aínda o que lle queda por mudar cara ó futuro

Non son aínda moi comúns estes cursos en España, nisto a AAAG, unha vez máis, ponse na primeira liña da innovación do traballo actoral e a súa formación e reciclaxe. Poñería os ollos do audiovisual español en Galicia. E non sería a primeira vez, xa aconteceu noutras cousas como o catálogo de actores ou o convenio de teatro por poñer dous exemplos distintos.

Quen imparte o curso abunda nesta idea de sermos unha referencia dentro do audiovisual español. Carlos Sedes comezou e coñece a fondo o audiovisual galego e as súas posibilidades creativas. Coñece ás actrices e ós actores de Galicia e as súas posibilidades artísticas. Por iso que sexa un profesional das súas características quen imparta este curso, dálle un plus á actividade, xa que serve para coñecer actrices e actores de primeira man, o que pode, ou non, repercutir na súa carreira profesional de forma inmediata.

En resumo, é un curso innovador e pegado ás necesidades profesionais da interpretación e da produción de ficción en España. Pensado para mellorar a calidade profesional e para proxectar o talento de Galicia no exterior.

O docente

Carlos Sedes Prego

Comezou a traballar no sector audiovisual arredor do ano 1990, na empresa CTV. A súa experiencia en realización remóntase a 1998, daquela iniciase en Voz Audiovisual, facendo vídeos industriais, publicidade e programas divulgativos como “Contagotas” e “Cibernatura”, os dous emitidos na TVG. En 2000 comeza a realizar coñecidas teleseries da Galega, o que inclúe os episodios 118 ao 140 de “Mareas vivas”, e dese labor dá o salto á dirección, tamén na ficción da pequena pantalla autonómica. O seu seguinte chanzo profesional márcao a dirección das series “Desaparecida” (Grupo Ganga para TVE 2008) e “Guante Blanco” (Bambú Producciones para TVE 2008). Gravaría no 2009 a Tv movie “No estás sola,Sara” de Ficción Media para TVE. De aí á dirección de episodios das series “Hispania, la leyenda”, “Gran Reserva”, “Imperium” ,“Gran Hotel” e “Velvet” de Bambú Producciones para televisións de ámbito estatal, ata chegar ata o seu último filme “El Club de los incomprendidos”, de Bambú para DeA Planeta home entertaiment.

Premios e recoñecementos:

Premio á mellor realización, xunto con Manuel A. Espiñeira, por “A vida por diante” nos Premios Mestre Mateo 2006 Mestre Mateo 2005 á mellor dirección por “As leis de Celavella”. Mestre Mateo 2005 á mellor realización, tamén por “As leis de celavella”. Mestre Mateo 2003 á mellor realización por “Terra de Miranda”. Galardón ao mellor realizador de TV nos Premios da TV e do Cine de Galicia 2005, outorgados pola revista Imagen y Comunicación. Premio ao mellor director por “Desaparecida” no Seoul Drama Awards (Corea 2008). Nos Premios Mestre Mateo 2008 recibiu o galardón de mellor realización por “Padre Casares”, un labor acreditado a Jorge Coira, Carlos Sedes, Manuel Espiñeira e Álex Sampayo.

Datas e duración:

O curso ten unha duración total de 24 horas repartidas en tres xornadas de 8 horas, o 13, 14 e 15 de Marzo de 2015, en horario de 10h a 14h e de 15h a 19h

Lugar:

Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n. Santiago de Compostela

Prezo:

120 euros soci@s da AAAG. 250 euros non socios

Inscrición:

Do 4 de marzo ás 16h ao 9 de marzo ás 15h, completando o formulario de inscrición ao pé deste texto debidamente cuberto.

Nota: Os socios de AAAG que teñan actualizados os seus materiais no Catálogo on-line da AAAG http://aaag.es/?page_id=1761 non será necesario que envíen de novo o CV.

Prazas e selección de candidatos:

Este obradoiro ten 16 prazas. A selección realizarase por orde de inscrición. Comunicarase o listado de admitidos antes do día 10 de Marzo

Reserva praza e forma de pago

As persoas admitidas deberán ingresar o importe do curso ata o 12 de Marzo mediante transferencia bancaria ou ingreso na CC de ABanca ES79 2080 0348 3530 4000 9198, titular Asociación de actores e Actrices de Galicia, indicando no concepto nome do alumno e o nome do curso. Aquelas prazas das persoas admitidas que non realicen o ingreso no prazo indicado cubriranse cos candidatos que queden en lista de espera.